A PRAIA. Quizais o mellor de todo deste verán, alén dela, alén del, foi o mar, refrescarse deste ofensivo lorenzo que queima ate na noite. Ir cos amigos a praia foi desde cativo unha das experiencias que máis me gustaron, e sen dúbida en Xapón tamén o foi. Hai certas diferencias entre as praias xaponesas e as galegas e tamén españolas:
1. Nunca hai moita xente.
2. Aparcadoiro e duchas son, por suposto, de pago. Quen leva os cartos? Vive Dios, que igual que en Galiza non cho sei. Creo que a eles tamén lles chaman os "clandestinos". Vive o negocio non declarable, viva a estafa social. En Xapón como nas leiras-parkin de Galiza.
3. Sempre hai instalacións en plan parque de atraccións para facer máis divertido o paso polas praias (tobogáns, trampolíns, illotes artificiais, ...).
4. Quizais o ponto 3 débese a que nas praias xaponesas non vos hai unha misera ondiña do mar, pobre rianxeira. Ondiñas nen veñen nen van.
5. A area normalmente non é algo "endémico" do lugar, importada doutros lares (mesmo de Australia, como o caso da famosa praia de Wakayama, Shirahama). Se escavades un pouco aí ides deixar as uñas, espetadas contra un pelouro.
6. Se non tedes a boa sombra dun piñeiro da praia de Valarés, como falaba o Pondal, en 30 minutos estades camiño do hospital. Certamente ABRASA.
7. Debido ao ponto 6 antes citado, son necesarias chancletas ou calquer tipo de calzado para camiñar calquer distancia superior á que separa unha sombra de outra, nen dez metros aguanta un.
8. Normalmente so hai familias (reducidos os grupos de amigos).
9. Suxo ditas xentes adicanse normalmente a practicar o deporte nacional, a pitanza. Levan barbacoa con todo o material inimaxinable para facer máis profesional a barbacoa de turno. Non faltan extintores.
11. As praias do norte son polo xeral de augas limpas e areas abondosas, o contrario das do sul.
12. E quizais último e máis importante, son, as praias xaponesas, lugares ben fermosos, de lecer, amizade, comida, descanso e deporte. Aí estou eu cos meus.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario