MAIS SOBRE TRENS. Temos a impresión en España de que en Xapón nunca nada erra, de que a puntualidade é estircta ata para ir cagar, de que a profesionalidade é algo sempre inherente ao posto laboral, "conditio sine qua". Pois ben, non dubido de que en parte é algo así, pero o de que os empregados son profesionais..., buf, nen moito menos. Ademais os problemas nos trens tamén é algo habitual.
En Xapón non vos hai unha soa compañía ferroviaria, existe unha semi pública Japan Rails, e logo infinitas pequenas ou grandes empresas como Keihan, Hankyu, Kintetsu, etc, estas tres operativas na area de Kansai, onde eu vivo. Pois ben, sobre estas liñas privadas ata agora non teño queixa ningunha, sempre puntuais e ademais baratas. Outra cousa son os trens de JR. Esta, a gran empresa de Xapón, dona dos Shinkansen, operativa en todo o territorio; aínda que seguramente chea de cartos ten máis erros que o antidiluviano RENFE de Galiza. Só montei unha ducia de veces pero ata en tres ocasións tiven problemas de retraso ou mesmo que abandonar o vagón para seguir a ruta a pé ou noutro meio de transporte. Xa, a última vez, farto desta tomadura de pelo fun facer unha reclamación na estación central de Kyoto e as rapazas que ali atendían, ou ben era a primeira vez que recibían unha reclamación ou estaban alí cumprindo a famosa e estendida en Xapón, "función floreiro". Eu veña a pedir o libro de reclamacións e elas a sorrir (pero xa as bagoas asomaban nos seus olliños ante a incapacidade e falta de coñecementos para atender a reclamación) e sen darme unha solución. En todos os lados cocen fabas.
viernes, 22 de junio de 2007
ANDAMOS QUE NOS SUBIMOS POLAS PAREDES. E é que xa chegou o verán, xa chegou a fruta e xa chegou ... En fin, que co bo tempo, a cantidade de montañas que hai por aqui e recordando a miña personalidade caprinida ando intenta emular a cornudos verracos rubindo penedos en busca de mellores vistas. Desde o cume puiden ver a Torre de Hercules ou quizais foi unha ilusión óptica, mais cando un soña o importante non son as distancias. "Tan lonxe dos ollos tan perto do corazón".
a
ANDURIÑA NO RELOXO DA ESTACION DE TRENS. A anduriña non olla o tempo, a anduriña vive en Xapón pero non acepta as regras da velocidade, a anduriña non olla o reloxo aínda que ela vive no tempo. Tic tac tic tac, o reloxo pasa e a anduriña non se preocupa se colle o "rapid express" ou o "shinkansen", olla desde a súa casa como millentas persoas transitan pola estación, teledirixidos e cronometrados. E ela, terá fame? Sairá a dar unha volta ver se consegue pillar algo? Condenada anduriña, ela ben sabe que todos imos chegar ao mesmo lugar e nós seguimos empeñados en ir cada vez máis rápido. Condanados reloxos!
viernes, 15 de junio de 2007
ARDOR FUTBOLÍSTICO. En Xapón, como en Congo, en Ruanda, na Cracovia polaca ou no San Roque de Coristanco galego, vívese a febre futbolística como a maior das paixóns. Non vos hai un Betis-Sevilla ou un final liguero como o deste ano, pero sempre nos chegarán as reminiscencias e a sensación de que cun balón todos voltamos ser nenos outra vez.
OS PLAYMOBIL. Eses homiños da construción parecen playmobils ou legos, pero sonche comelimóns construe andamios, que pasandose as normativas de seguridade polo forro dos collóns(creo que sobre este concepto non vos hai nada escrito en Xapón e mantense a tradición consuetudinaria deixandose os arneses de seguridade para subir a costa de xaneiro) construen como se dun puzzle se tratara, andamio de cinco pisos. Que ovos lles botan e viva o alpinismo e os deportes de risco.
NACIONALISMOS E IMPERIALISMO. Resulta que na miña clase haivos estudantes de todas nacionalidades pero resulta que coincidiron oito chinos e unha taiwanesa. Resulta tamén que á profesora ocorreuselle facer un traballo por grupos e resulta que dividiu os grupos por nacionalidades, resultando un grupo formado por un indonesio, outro un de Sri Lanka, un galego, un sueco, o grupo da taiwanesa e o numeroso grupo de chinos. E resulta que nada máis escreber no lousado a súa división de grupos, a profesora comezou a recibir improperios e blasfemos en cantones, suajili, juachilai e a min paraceume escoitar ata un "tocate o carallo" e "a cona que a botou". Resulta que esa decisión aparentemente inocente pero con tantas connotacións nacionalistas caiu mal no sector imperialista chino e resulta que ocorreuselle como medida de protesta abandonar a aula, todos, en grupo, en plan desfile maoista (so faltaballes o libro gordo de petete na man e a viseira esa que levaban os chinos para ocultar o cabelo chorretoso e ratonero). Resulta que a profesora ou ben é parva ou non entendía da misa a metade, e resulta que a taiwanesa outro tanto do mesmo. Resulta que a aula continuo en paz e harmonía, porque os cinco alunos que quedamos disfrutamos da paz que reina cando non se escoitan as voces da ignorancia e as estreiteces de mundos. Resulta que unha vez rematada a lección pola profesora, resultou que os chinos voltaron outra vez en paso marcial e uniformado e resulta que outra vez voltou reinar a tranquilidade e aqui non pasou nada. A taiwanesa no seu mundo e os chinos un pouco feridos no seu orgullo imperialista, pero nada doutro mundo e nada que non pase en Catalunya ou creo, parece, resulta que tamén na Galiza.
Resulta, que este galeguiño que aquí escrebe, noutra época teríase metido en discusións e incluso liariase a ostias de meio canto, así, coa man aberta; mais non sei, resulta que o de viaxar, o de sentir a Deus dentro de min e o de ter un pai pacifista, pois, resulta que entrou dentro de min e fixome manter a calma e sorrir pensando que en todos os lares cocen fabas. Resulta que na china tamén cociñan caldo de grelos e resulta que en China tamén andan con escozor nos baixos cando se lles mencionan conflitos politico-xeografico-culturais. Resulta que o Iago abrese a medida que descubre o mundo e resulta que fóra da casa descubrese a pequenez do mundo e o valor da diferencia. Resulta que hai que ser tolerante e alá cada quen coa súa moral. Resultan tantas cousas... e resulta que non teño tempo, zzzzzzz (na foto a aula baleira tras o abandono masivo).
miércoles, 6 de junio de 2007
DE FURTIVOS. Manda carallo cos furtivos, non hai xente pior que os furtivos con cartos pero alá fun eu con tres amigas xaponesas de marisqueo. Eu crin que ía a praia pero cando vin que xe armaban ata os dentes comprendín que, ou ben me ían esfolar, ou ía raspar na area na procura de berberechos e ameixas. Tras catro horas de busqueda algo infructuosa, as pobriñas só puideron sacarlle un caldeiro dun quilo de marisco. Para unha paella chegáballes, pero non sei se compensa ese esforzo silencioso e destrozador de articulacións e espaldas. Como certificante de que os comestíbeis nunca son gratuitos, observade a foto da cadeira do homiño, deformada de tanto mirar para abaixo na procura de vivaldos e demais tesouros do mar.
A MIÑA ESCOLA. Non é cuestión de escreber o nome do meu instituto porque non lle quero dar publicidade, pero sen dúbida o mellor da miña experiencia de aprendizaxe do xaponés foi poder coñecer culturas e persoeiros tan diferentes como xentes de Sri Lanka anti tamil, indonesios amantes dos disfraces, das pizzas e das mulleres con kimono, chinos de estetica "revenida" e nacionalistas ata a médula, israelís militares, suecos como o xeo e suecos latinizados, taiwaneses que non sabe de quen vén sendo, China, Taiwan ou San Roque de Coristanco (viva a Festa da Pataca e os atascos gratuitos), americanos cantantes de himno, koreanos alborotadores, .... e no meio de toda esa marea de paises un galego facendo tamén patria e disfrutando da diversidade cultural. Que bonito é o mundo cando somos todos diferentes. Se xa o dicía o xenial e controvertido Vicenter Risco: SER DIFERENTES É SER EXISTENTES (non basta só con ser, hai que ser de outra maneira porque senón non deixaremos a nosa marca neste mundo, a permanencia)
UN POUCO SOBRE O SISTEMA ESCOLAR XAPONÉS
_ Aiii, como me gusta aprender linguas, sobre todo as mortas!
. Unha das cousas que me sorprendeu de Xapón é que o sistema educativo non é que sexa moi bo e os colexios, institutos e universidades non son para nada estrictos. Iso si, os horarios son interminábeis, comezando a primeira hora da mañá, como en España, pero acabando a iso das cinco da tarde. Ademais, despois disto o normal é ir a algunha actividade deportiva ou a unha pasantia.
Tras este dato semellaría que a educación xaponesa é das mellores e máis profundas, pero baixo o meu ponto de vista nada diso. Por exemplo, o coñecemento da realidade mundial é practicamente nulo e no meu campo (o literario), podo dicir que o curriculum xaponés é para rir e non parar, paupérrimo, sen lecturas obrigatorias e só estudando pequenos fragmentos de obras escollidos e peneirados con anterioridade polo governante de turno. Así non resulta chamativo que os nipóns non saiban case nada da súa literatura, de autores como Mishima, Kawabata, etc e por suposto moito menos da literatura do exterior, Shakespeare, Cervantes, Dante, etc, incluídos. Unha risión.
Outra peculiaridade, non sei se positiva ou negativa, é que nas clases está "permitido" botar unha soneca. Digo que non sei se isto é mellor ou pior que estar a falar e alborotar todo o tempo como ocorre en moitas aulas do noso estado. Para min resulta un pouco maleducada esta costume, quizais porque non estou afeito e pareceme unha falta de respeito ao papel do profesor, pero en Xapón é perfeitamente normal e as criaturiñas o fan sen ningún complexo, sen nocturnidade, ás claras. Comento con un alumno meu, estudante de instituto. ´
_Que, Hirotsugu, hoxe como foi o institutuo?
_ Ben, hoxe durmin tres horiñas (cando di dormir é realmente dormir, sen pausa nos descansos e coa cabeza gacha. Ademais non é un caso aillado, pois na súa aula outros oito compañeiros adicábannse tamén as ensoñacións e mundos paralelos).
Nas fotos un exemplo de aula xaponésa ou china (creo que alí é o mesmo). Estamos na miña escola de xaponés pero parece que ese costume tamén estendese para os estranxeiros. Será contaxioso?
Suscribirse a:
Entradas (Atom)